lunes, 11 de marzo de 2013

“O sabor das letras” do Café Voltaire – MARCO Marzo 2013

O próximo 21 de Marzo estaremos coa nosa Sidra Ribela. A primeira sesión de 2013, como sabedes, correrá a cargo de Manuel Gago, quen foi quen inaugurou en 2010 a feliz andaina de “O Sabor das Letras”, esa mestura de literatura e gastronomía do Café Voltaire. A súa intervención, que xirará ao redor da “materia vexetal”, estará construída sobre os textos do Padre Sarmiento. No menú teremos a posibilidade de degustar diversos vexetais e outros produtos da terra que foron autóctonos no seu momento en Galicia e que, tras a súa case completa desaparición, están volvendo a prosperar cunha calidade e sabor excelentes. Terá lugar, coma sempre, no restaurante do Museo Marco de Vigo o xoves día 21 de marzo ás 20:45 horas a un prezo de 10 euros. Inicialmente prevista para o mes de febreiro, tivo que adiarse debido tanto á apertada axenda de Manuel Gago, como tamén ante a dificultade na obtención dalgúns dos ingredientes que van compoñer o interesante e gorentoso menú. As persoas que xa reservaran posto para a cita de febreiro quedan automaticamente apuntadas para a cita de marzo (salvo comunicación en contra). As entradas deberán retirarse na taquilla do MARCO antes do día 14 de marzo. As que non se retiren nesa data se porán a disposición da lista de espera ou do público xeral.